Buscar nesta web

 

As Asociacións ambientais de Carral, Salvemos o Val de Barcia e o Monte Xalo e Brexa Custodia do Territorio, en colaboración co Concello de Carral, organizaron unha andaina para conmemorar e festexar o día do medioambiente.

Este domingo 2 de xuño as Asociacións ambientais de Carral, Salvemos o Val de Barcia e o Monte Xalo e Brexa Custodia do Territorio, en colaboración co Concello de Carral, organizaron unha andaina para conmemorar e festexar o día do medioambiente na que participaron 50 persoas.

A ruta iniciouse nos Muíños do Batán onde os guías falaron da importancia do patrimonio e a flora e fauna protexidas da zona altamente afectados polo proxecto para a construción do parque eólico de As Encrobas. Ao mesmo tempo que se reivindicaron os valores naturais e as especies que compoñen o Enil do Río Abelleira se propuxo a posibilidade de iniciar unha nova figura de protección en Carral para o Alto Barcés debido tamén ós seus altos valores naturais e á biodiversidade da zona.

O percorrido continuou ata a Capela de San Pedro de Rubieiro, dende onde se gozan dunhas vistas espectaculares do Val de Barcia, e, durante o mesmo, os participantes foron recollendo o lixo e desperdicios atopados polo camiño para fomentar e lembrar a importancia de manter limpos os montes e os espazos naturais. Xa ao remate da actividade todo aquel que quixo quedou a comer nas mesas dispostas neste fermosísimo enclave ao pe da Capela que conta con mais de catro séculos de antigüidade.