Buscar nesta web

ASOCIACION

Logo Asociación Salvemos Barcia XaloPara comezar a contar a nosa historia deberiamos remontarnos ao ano 2012 no que saíu a proposta dun mal chamado parque, xa que en realidade trátase dun polígono eólico que se pretendía situar no Monte Xalo. Foi grazas ás sinaturas  da veciñanza e ao ditame negativo de Aena que este intento non saíu adiante.

Pero anos despois unha versión modificada sae á luz, é o Polígono Eólico das Encrobas, situado moi preto do primeiro intento fallido.

É no primeiro semestre do ano 2021 cando a veciñanza alerta de que se está a promover este polígono eólico, posto que é tamén nestas datas nas que empregados de Naturgy visitan domicilios e parcelas da zona coa pretensión de ofrecer contratos de aluguer ou compra-venta das propiedades que estarían afectadas por este proxecto.

Chegados a este punto os veciños, cada vez máis numerosos, empezan a mobilizarse e a buscar apoios para defender os seus intereses e os da zona afectada directa ou indirectamente, que é na súa maioría o Val de Barcia e o Monte Xalo. Xa dende o principio estes veciños van buscando o apoio de outros, baseándose esta colaboración na comunidade veciñal e lonxe de calquera ideoloxía política. Con data do 21 de xullo xa se conta cun grupo de Whatsapp que chegará rapidamente aos 100 veciños afectados de diferentes formas.

Estas colaboracións vanse producindo pouco a pouco e van tendo lugar distintas reunións e charlas informativas. É nun destes actos no que se planta a semente da que posteriormete brotaría a decisión de construír unha Asociación que defendera estes veciños e zonas afectadas. De aquí nace a denominada “Salvemos o Val de Barcia e o Monte Xalo” destinada a canalizar a oposición a este proxecto e defender a contorna.

Organízase unha xunta directiva e realízanse distintas actividades-protesta para dar visibilidade ao asunto como roteiros, manifestacións, colaboracións con outras asociacións. Pasados uns meses outras persoas deciden continuar o traballo deixado polos precursores. Formalizase a asociación e asegúrase que todos e todas temos cabida nela, remarcando o seu carácter absolutamente apartidista.

Continúase a traballar nos fins da asociación incrementando inclusive a colaboración con outras asociacións ou plataformas de afectados pola mesma cuestión, que é a saturación de polígonos eólicos. Así mesmo búscase combater o que chegou a chamarse “zona de sacrificio”, xa que está proxectada unha sobreexplotación que dana irremediablemente os nosos recursos, para dotar de enerxía zonas que practicamente non producen, ou teñen lexislacións que impiden estas prácticas abusivas .

Organízanse e particípase en distintos actos reivindicativos e incluso se apoia a outros colectivos que se opoñen aos polígonos eólicos que saen á luz posteriormente no entorno da nosa provincia.

Finalmente, e xa co obxectivo da formalización cumprido, procédese a unha pre-inscrición de socios que derivará na alta dos mesmos e na convocatoria dunha nova asemblea.

Durante todo este tempo contamos con diferentes apoios para poder levar a cabo a defensa da nosa contorna e debemos lembrarnos de todas aquelas persoas que deron un paso adiante, e non nos gustaría esquecernos de ninguén, nomearemos algúns exemplos:

  • O equipo de alegacións que, coa base inestimable de Petón do Lobo, engaden e completan as distintas alegacións presentadas nas contornas máis próximas, como Encrobas, Caíño-Brancellao …

  • Os veciños que detectaron a presentación do polígono eólico.

  • As persoas que inicalmente se mobilizaron e axudaron a dar visibilidade ao asunto.

  • A xente que formalizou o distinto papeleo da alta.

  • As persoas que deseñaron e confeccionaron pancartas e camisetas…

  • Os que deron visibilidade ás alegacións para que máis persoas asinaran.

  • Os que participaron na creación do nome e logo da asociación.

  • As persoas que axudaron na confección inicial dos estatutos.

  • Os voluntarios das RRSS.

  • A tódolos socios e futuros socios.

En definitiva, “Salvemos o Val de Barcia e o Monte Xalo” é una Asociación apartidista que nace da necesitade de loitar para protexer as persoas e a contorna ante o Polígono Eólico das Encrobas, pero así mesmo para dar a coñecer e revitalizar a nosa contorna e axudar a outros que teñan o mesmo propósito.